Thursday 16 de May de 2024

A Xunta continuará colaborando coas empresas galegas na implantación da responsabilidade social empresarial


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración do II Encontro Empresarial Social sobre a Responsabilidade Social Empresarial

― Alfonso Rueda explicou que do que trata a Responsabilidade Social Empresarial é de mellorar a competitividade e mellorar, ao mesmo tempo, a nosa sociedade.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta da Xunta por fomentar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e axudar ás empresas para que se comprometan con retos sociais e ambientais como o cambio climático, a igualdade entre mulleres e homes ou a inclusión social. Por iso, sinalou a importancia de acadar unha economía competitiva e, ao mesmo tempo, sustentable e responsable.

Alfonso Rueda participou na inauguración do II Encontro Empresarial Social sobre a Responsabilidade Social Empresarial, organizado polo Foro Empresa Pontevedra como punto de encontro onde empresarios, profesionais, asociacións, administracións, poidan compartir coñecementos, experiencias e iniciativas, fomentando a cooperación das empresas de Pontevedra e a súa comarca.

O titular da Vicepresidencia primeira explicou que do que trata a Responsabilidade Social Empresarial é de mellorar a competitividade e mellorar, ao mesmo tempo, a nosa sociedade. “Polo que afrontar eses desafíos aproveitando as sinerxías entre empresas e asociacións é, de seguro, unha fórmula de éxito”, afirmou.

A Xunta leva anos poñendo en marcha medidas que poidan axudar ás empresas neste camiño. En 2012, de forma pioneira, cresouse o Grupo de Representación Empresarial Galego en materia de RSE, con empresas de referencia, para sentar as bases de como facer e implantar a Responsabilidade Social Empresarial en Galicia.

Na planificación da Xunta de cara a 2022, está previsto realizar a Estratexia Galega de RSE 2022-2024, promovendo ademais, entre os autónomos e as pequenas e medianas empresas (pemes) a igualdade laboral, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal e a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) con axudas que se incrementaron este ano nun 30,6%, polo que o orzamento sumou máis de 2,6 millóns de euros. Este programa de Emprego e Igualdade facilita, entre outros, ás empresas e autónomos a obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE).